Thursday 02 de May de 2024

BNG e PP coinciden en que o Concello de Moeche defenda os intereses da veciñanza ante os proxectos eólicos


A Casa do Concello de Moeche acolleu este mediodía unha sesión da Xunta de Portavoces para poñer en común as posturas dos dous grupos con representación municipal -BNG e PP- ao respecto do proxecto do parque eólico Moeche e doutros, como o P.E. Badulaque, que pretenden instalarse no territorio. O BNG ten claro que “eólica si, pero non así”, aludindo a que o despregamento de renovables se pretende facer, tamén en Moeche, de costas á veciñanza, de maneira apresurada e sen contrapartidas para os territorios que sufrirán o impacto dos muíños. Pola súa banda, o Partido Popular tamén expresou o seu acordo con este tipo de enerxías, aínda que precisando que a súa implantación debe facerse cumprindo coa normativa ambiental e urbanística. Ambas formacións coinciden no camiño emprendido polo Equipo de Goberno de informar á veciñanza desde o primeiro momento e tamén na necesidade de ofrecerlle apoio para que poidan presentar alegacións fundamentadas coas que defenderen os seus dereitos. Ademais, BNG e PP cadran en que o Concello debe encabezar a relación de alegatos centrado na vixilancia da legalidade do proxecto e da súa tramitación, pero tamén naquelas cuestións que, dun xeito ou doutro, poidan ir encontra do interese colectivo e do desenvolvemento futuro do municipio.

Desde que se empezou a falar da eclosión eólica na comarca, o Concello de Moeche seguiu de preto toda a información que foi aparecendo, primeiro en forma de rumores e logo con publicacións oficiais de proxectos acompañados dos dos correspondentes prazos de exposición pública.

Dentro deste bum de parques, Moeche queda tocado -por agora- por dous proxectos dos seis que Enel Green Power pretende erguer en 50 quilómetros arredor das Pontes. No noso concello serían o PE Badulaque -que afecta con tres muíños á zona de Abade- e o PE Moeche, que sementa literalmente o territorio cunha ducia de aeroxeradores de ata 200 metros de altura.

Ambos proxectos teñen aberto desde esta mesma semana o período de alegacións (30 días hábiles), que chega precedido dunha campaña promovida polo Concello para informar á veciñanza sobre que movementos están producíndose no sector eólico e tamén sobre que intencións ten a multinacional eléctrica ENEL con respecto a Moeche.

Neste sentido, a semana pasada houbo unha xuntanza co Observatorio Eólico de Galicia e este martes á tarde celebrouse outra coa empresa -á que asistiron arredor de 70 persoas- onde quedou patente a súa determinación para inzar de muíños o territorio, pero tamén onde quedaron no aire múltiples incógnitas que acentúan aínda máis “o desacougo da veciñanza, polo menos a maioría da que asistiu á xuntanza” en relación cos proxectos que hai agora mesmo enriba da mesa.

“Déronnos algunha información, pero non toda, e algunhas cousas que contaron eran notablemente parciais e incluso dubidosas. Dixeron, por exemplo, que en 85 metros arredor dos muíños se vai poder plantar e facer calquera actividade, cando a lei di que son 200 metros. Tamén comentaron que eles non ían solicitar ningunha modificación da cualificación do chan do parque para que pase ser considerado solo de protección de infraestruturas, o que é unha verdade a medias, porque claro que non o van solicitar, ese cambio é automático por lei”, resume Beatriz Bascoy. “Púxose de manifesto que os beneficios non son para a xente, son para a empresa. E no caso do Concello, se os parques van adiante, percibiríase unha contía pola licenza de obras, pero iso é puntual. Despois quedará o IBI e o IAE, pero a contrapartida é que case todo Moeche estea inzado de torres de 200 metros que non van repercutir no prezo da luz nin van repercutir en que se creen postos de traballo”.

Postura dos grupos municipais
Pola súa banda, os dous grupos con representación municipal tamén se pronunciaron esta mañá sobre os proxectos eólicos, sopesando o seu impacto paisaxístico e outras repercusións que poderían ter na vida das persoas -ruídos, proximidade a vivendas, etc.- e tamén na actividade agrogandeira e forestal, debido a ese cambio automático na cualificación das terras en 200 metros arredor de cada aeroxerador.

“Hoxe o BNG e o PP expuxemos en Xunta de Portavoces a nosa postura e coincidimos en que a enerxía eólica é necesaria, pero non tal e como se está plantexando para Moeche. Estamos falando de 12 muíños do parque eólico Moeche e outros tres do parque eólico Badulaque, que tamén está xa en exposición pública. Son máquinas de 200 metros de altura situadas de leste a oeste e de norte a sur por todo o concello e, nalgúns casos, a menos de 300 metros das casas”, explica Beatriz Bascoy.

A alcaldesa engade, pola súa parte, que entre o grupo de goberno e o da oposición “hai coincidencia de pareceres” con respecto ao camiño emprendido polo consistorio “para informar e asesorar á veciñanza nesta cuestión”. Bascoy engade que ambas formacións con representación municipal “temos claro que o Concello, como institución, ten a obriga de presentar alegacións ben fundamentadas sobre os proxectos Moeche e Badulaque. Tamén consideramos que fai falla enfocar as alegacións en todas aquelas cuestións que repercutan negativamente na xente e na vida do concello. E dentro das competencias limitadas que temos, xa que as autorizacións dependen do Estado e da Xunta, temos que vixiar que toda a tramitación destes proxectos se faga dentro da máis escrupulosa legalidade”.

A rexedora insiste en que o posicionamento da Xunta con respecto aos proxectos “é fundamental”. Tanto o P.E. Badulaque como o P.E. Moeche están fóra das áreas de desenvolvemento eólico definidas no Plan Eólico de Galicia, de maneira que a Xunta é competente para emitir un informe desfavorable, ademais doutros no mesmo sentido referidos a posibles vulneracións de normativas sectoriais de competencia autonómica.

Porén, Bascoy tamén recorda que a principios de ano o Goberno galego promoveu unha modificación “que parece feita á medida para estes casos” a través da Lei de simplificación administrativa e reactivación económica “que lle dá potestade á Xunta para autorizar novos parques aínda que estean fóra de áreas de desenvolvemento”, sempre e cando vaian asociados a accións vertebradoras do territorio ou iniciativas que tiren do desenvolvemento socioeconómico. “Isto deixa unha porta aberta para que a Xunta os autorice, aínda que saibamos xa que estes dous proxectos que nos afectarían a nós non xerarían máis de dous ou tres empregos durante a fase de produción. ENEL tamén cuantificou en algo máis de 100 os empregos durante as obras dos seis parques pero, segundo recoñeceron antonte, eles non garanten que se vaian contratar persoas ou empresas de Moeche para facer ese traballo”.

Apoio á veciñanza nas alegacións
O Concello terá a partir deste luns unha copia impresa da documentación do proxecto do parque eólico Moeche para que calquera persoa interesada poida consultar os aspectos ambientais, arqueolóxicos e, principalmente, da distribución dos muíños, pistas e outras infraestruturas.

Ademais tamén contratará asesoramento legal para preparar as alegacións municipais e para facer unha batería de escritos tipo que despois a veciñanza poida adaptar sen moita complicación ás súas necesidades.

As alegacións para o proxecto do P.E. Moeche e para o P.E. Badulaque poden presentarse até o 18 de agosto. Os alegatos deberán dirixirse á Área de Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia, situada na Praza de Ourense 11, C.P. 15003 A Coruña. As persoas físicas poderán exercer ese dereito indistintamente polo rexistro presencial ou telemático, mentres que as persoas xurídicas deberán facelo obrigatoriamente por vía electrónica. Tamén se poderán remitir a través do rexistro municipal.